28 abr 2013

O CHOCOLATE

É moi difícil, non só para os nenos, resistirse ao chocolate. Case a todo o mundo gústalle o chocolate. Non existe nada máis pracenteiro que unha chocolatina, unha galleta ou un xeado de chocolate. Son irresistibles!

Non hai dúbida de que o chocolate sexa bo, pero segundo os nutricionistas, é recomendable consumilo con moderación e establecendo uns límites principalmente á hora de determinar unha dieta para os nenos.

Beneficios do chocolate para os nenos

O chocolate é nutritivo e enerxético. Contén nutrientes como o calcio (boísimo para os ósos e os dentes dos nenos), o fosfato, proteínas e outros minerais que son indispensables para o crecemento dos nenos. Ademais, contén sustancias naturais, como os flavonoides, que protexen o organismo fronte a enfermidades cardiovasculares, polos seus efectos antioxidantes.

Durante moito tempo, o chocolate estivo acusado de provocar vicios e adiccións incontrolables, de orixinar problemas metabólicos, cefaleas e sobrepeso, e sobre todo, de incrementar as caries infantís. Con todo, as investigacións demostran que o chocolate é unha fonte rica de saúde. O chocolate fortalece a enerxía que o neno utiliza para xogar, estudar, saltar e correr.

Se o teu fillo quere comer algo que posúe chocolate, debes considerar algunhas situacións:
- Presenta sobrepeso
- É alérxico a algún dos seus compoñentes
- Padece diabetes.

Nestes casos, o consumo do chocolate debe estar orientado polo pediatra do neno. Nalgunhas situacións, hai que restrinxilo e noutras, prohibilo. Pero aínda que o teu fillo non estea nestas situacións, o consumo do chocolate debe ser sempre limitado. Se o neno consome chocolate en cantidades esaxeradas, pode sufrir unha intoxicación, e ter diarrea, náuseas e vómitos. Se chega a esta situación, débese suspender o chocolate ata que os síntomas desaparezan e hidratar o neno con moito líquido.

Cando poden tomar chocolate os nenos?
O consumo de chocolate recomendable para os nenos debe facerse a media mañá ou na merenda, xa que se trata dun alimento moi enerxético e calórico, que non convén mesturar ou engadir a unha comida principal. A cantidade de consumo indicada para nenos saudables é de, ao máximo, 50 gramos ao día.

Os nenos diabéticos deben restrinxir o seu consumo e facelo con moderación a condición de que se trate de chocolate puro, que contén menos graxa e azucres que outros preparados. Os nenos que non toleran a lactosa, poden consumir o chocolate puro que non contén leite.

A sensación de satisfacción que produce o chocolate é igual en adultos que en nenos. A razón é que a inxestión de chocolate aumenta a produción dunha sustancia, a feniletilamina, un neurotransmisor responsable desta sensación de benestar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario